A auga de Cangas é apta para o consumo humano

05.02.2026. Ante as informacións difundidas recentemente, desde UTE Xestión Cangas quérese trasladar á cidadanía unha explicación clara, transparente e baseada en datos verificables sobre a situación do depósito de Ourelo e a calidade da auga subministrada no municipio.

Detección inmediata do incidente e activación do protocolo de seguridade
O día 12 de xaneiro de 2026, durante a revisión diaria rutinaria, os técnicos detectaron presenza de aceite ou substancias similares na superficie do depósito de Ourelo. Entón, e seguindo en todo momento o protocolo de seguridade, procedeuse de inmediato ao peche do depósito e a cortar a súa achega á rede.

Unha vez pechado, o subministro pasou a depender do depósito principal de Coiro (Xielas), garantindo así o abastecemento a toda a poboación, sen afeccións de volume nin presión. Ademais, como medida complementaria, realizouse unha purga completa da rede e verificouse a ausencia de hidrocarburos na auga distribuída. A mostra recollida ese mesmo día confirmou unha auga óptima e apta para o consumo segundo os parámetros do RD 3/2023.

Posteriormente, entre os días 13 e 16 de xaneiro procedeuse a realizar a limpeza do depósito para retirar calquera residuo restante.

Investigación da orixe da contaminación
Tras pechar o depósito, e para evitar problemas futuros, iniciáronse as investigacións para determinar a orixe da vertedura. O día 13 de xaneiro, os técnicos identificaron residuos de aceites de motor e combustibles, e detectaron unha vertedura ilegal ao manancial de Anguieiro, situado augas arriba da captación, pero non se detectou a súa orixe.

Na zona localizouse unha área industrial con talleres, gasolineira e depósitos de combustible, que non está conectada á rede municipal de saneamento nin á de augas pluviais. E, entre os días 19 e 20 de xaneiro identificouse un posible foco nun dos mananciais que abastecen Ourelo, pero que non puido afectar á rede de Cangas, porque dito manancial xa estaba fóra de servizo desde o mesmo día 12 de xaneiro.

Asimesmo, o 28 de xaneiro, persoal de Augas de Galicia, Control de Verteduras e a propia UTE inspeccionaron a contorna, verificando e localizando as posibles orixes nas naves industriais situadas na parte alta da captación.

Garantía da calidade da auga subministrada
Desde UTE Xestión Cangas quérese transmitir unha mensaxe de tranquilidade, xa que, desde o 12 de xaneiro, o 100 % da auga abastecida en Cangas procede de Vigo e chega xa potabilizada, a través de tubaxes presurizadas e seladas, recibindo ademais unha desinfección final antes do seu consumo.

A UTE ten un forte compromiso coa saúde pública e coa calidade da auga e, por iso, realiza entre 30 e 35 análises anuais en billas de vivendas e instalacións públicas; dúas campañas anuais de análise de ata 90 fontes públicas; un control diario de parámetros organolépticos e do nivel de desinfección; así como programas continuos de cloración e mantemento da rede.

Na imaxe, mans collendo auga dunha fonte. FOTO: Punto Ga | M. Riopa

Novas relacioadas