22.05.2020. UTE Gestión Cangas renovará o abastecemento, saneamento e o sistema de recollida de pluviais na Avenida Espíritu Santo. O anteproxecto, que se atopa en exposición pública durante o prazo dun mes, suporá un novo orzamento de 225.552 € do plan de investimentos da xestora da auga, fixado en 3,4 millóns de euros. A compañía da auga tamén levará abastecemento ata o barrio de A Rosada, uns traballos fixados en 132.466€, que se engaden á cantidade que a compañía investirá este 2020 en modernizar o ciclo da auga en Cangas.
Estas dúas actuacións de renovación do sistema de abastecemento, saneamento e pluviais no municipio supoñen un novo paso na execución dos traballos de mellora contemplados no plan de investimentos. A cifra total destinada a reformar e modernizar o ciclo da auga cangués dende a adxudicación do servizo en 2014 ata o día de hoxe é de 2.575.718 €, adicados á reforma das rúas Poio e Ensinanza este mes de maio, ás obras da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Areamillla, á reforma integral do saneamento da ría de Aldán e á mellora do saneamento de Donón.
As oficinas reabren o vindeiro luns 25 de maio
A partir do vindeiro luns 25 de maio, as oficinas de UTE Gestión Cangas volverán a estar abertas para o público en horario de 9.00 a 13.00 horas. A compañía establecerá un horario de atención preferente a maiores de 70 anos dende as 9.00 horas a 11.00 horas, priorizando o pago de recibos en todos os casos. O periodo voluntario de pagamento do primeiro trimestre do ano 2020 estará activo ata o vindeiro 1 de agosto.
A xestora da auga mantén o normal suministro na totalidade do municipio de Cangas dende a activación do estado de alarma, grazas ao traballo dos equipos de garda e retén para tarefas urxentes de reparación de incidencias e o traballo telemático de todos os seus profesionais. O 100% do seu cadro de persoal incorpóranse o luns 25 de maio ao traballo presencial seguindo o protocolo establecido fronte a Covid-19. Na reactivación da atención presencial, no acceso ás instalacións tanto traballadores como usuarios deberán seguir as medidas de prevención básicas, sendo imprescindible o uso de mascarilla no interior e priorizando o pago mediante tarxeta de crédito. As solicitudes e reclamacións realizaranse a través da páxina web www.utegestioncangas.com . Avisos e tramitacións de altas, baixas e cambios de titularidade xestionaranse mediante o teléfono gratuíto 900 810 811.