22.11.2023. Os últimos 20 días de outubro e o que vai de novembro destacan como as semanas máis chuviosas dos últimos 36 anos en Galicia, coas máis elevadas precipitacións na comarca da ría de Vigo, segundo os datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET). As primeiras choivas do ano adoitan traducirse en atascos nos sistemas de saneamento tanto das vías públicas como nos fogares. Para previr estas situacións é fundamental aplicar unha xestión axeitada dos residuos, tanto a nivel particular como xeral.
Seis consellos básicos para evitar estes atascos no saneamento :
- Non botar grandes cantidades de papel polo inodoro, así como plástico, gasas ou outros residuos sólidos.
- Retirar os restos de comida antes de lavar os pratos.
- Levar o aceite ata o punto limpo. É recomendable almacenalo en colectores e despois depositalo nos puntos limpos que se atopan en todos os municipios.
- Utilizar deterxentes biodegradables e non abusar da lixivia.
- Non tirar os medicamentos caducados polo inodoro. Para iso, todas as farmacias teñen colectores especialmente deseñados para eliminar este tipo de produtos.
- Empregar protectores en todas as entradas dos tubos tanto na pía da cociña, como no baño, para evitar a entrada de residuos sólidos.
No ámbito doméstico, tan importante como fomentar un consumo responsable da auga é manter hábitos dirixidos á preservación das tubaxes en boas condicións. Moitos dos residuos que botamos aos sumidoiros provocan bloqueos e avarías, ademáis de ter un gran impacto ambiental.
Un dos produtos máis nocivos son as toalliñas húmidas. “Son a praga do século XXI”, explica Francisco Comesaña, xefe de servicio da UTE Gestión Cangas. “É habitual que este tipo de produtos queden pegados ás paredes dos tubos xunto con deterxentes e aceites, estreitando as instalacións como faría o colesterol nas nosas veas” explícanos o profesional.
Na imaxe, un operario da UTE Gestión Cangas reparando un atasco dunha tubaxe.