28.10.2020 As obras na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Areamillla e no saneamento de Donón comezaron hoxe. O alcalde Xose Manuel Pazos, o concelleiro de urbanismo Eugenio González Fernández e David Soneira, responsable de UTE Gestión Cangas estiveron presentes esta mañá durante o comezo dos traballos, que finalizarán o próximo mes de novembro e decembro, respectivamente. “É fundamental continuar a investir na mellora da rede de Cangas para garantir a calidade da auga. A renovación do sistema terciario da EDAR aumentará a súa capacidade e eficiencia e é un primeiro paso nesta dirección, na que queremos continuar da man do Concello”, apuntou David Soneira, xerente de UTE Gestión Cangas.
UTE Gestión Cangas substituirá e porá de novo en funcionamiento o conxunto de lámpadas ultravioletas da depuradora, que neutralizan os organismos patóxenos das augas. A reforma inclúe tamén a modificación dos equipos de filtración mediante discos recubertos de textil, o que permitirá reter materiais máis finos, e a limpeza dos depósitos para optimizar o seu funcionamiento. A execución das obras levarase a cabo sen afectar ao normal funcionamento normal da EDAR.
A depuradora de Areamilla trata 9.000 metros cúbicos de auga ao día, cantidade equivalente a 4 piscinas ollímpicas, mediante tres procesos: sistema de pretratamento da auga, que elimina os axentes contaminantes flotantes das augas; sistema de tratamento biolóxico, que degrada a materia orgánica e separa a auga depurada e o fango resultante, e sistema tratamento terciario, que hixieniza a auga eliminando os microorganismos para a súa reutilización.
Os traballos de conexión da fosa de Donón ata a rede municipal de saneamento en Viñó, evitarán as perdas de caudal na rede, debido ao seu aumento considerable nos últimos anos de vivendas e negocios da zona. A través dunha tubería de impulsión de 800 metros, as augas acabarán chegando dende Viñó ata a depuradora de Areamilla para o seu tratamento.
Ambas actuacións pertencen ás 37 medidas impulsadas dende 2014 por UTE Gestión Cangas para optimizar o ciclo da auga. Cun orzamento de 426.000 €, son as primeiras actuacións que se poñen en marcha neste ano 2020 con cargo ao plan de investimentos de 3,4 millóns de euros comprometido pola compañía para obras de mellora en diferentes puntos nos sistemas de abastecemento, saneamento e depuración do municipio. A modernización do abastecemento de A Rosada, do saneamento da ría de Aldán e do saneamento da avenida Espíritu Santo son as seguintes actuacións proxectadas, pendentes de autorización no pleno municipal.