Impulso ás obras da avenida Espírito Santo

03.07.2024. UTE Xestión Cangas avanza no desenvolvemento dun novo anteproxecto en resposta á solicitude do Concello, co obxectivo de impulsar as fases II e III da avenida Espírito Santo. As obras enfocaranse na mellora integral do sistema de saneamento e recolección de pluviais da vía.

Na fase II, tense previsto intervir no tramo comprendido entre a capela do Espírito Santo e o acceso á rotonda da vía rápida, continuando así co labor iniciado no ano 2020. Substituirase o colector de saneamento de formigón, o cal está deteriorado e ocasiona filtracións que danan o pavimento e xeran afundimentos na vía. No seu lugar, instalarase un colector de material plástico cun diámetro similar para asegurar a capacidade hidráulica necesaria.

As obras na fase III continuarán coas mesmas labores entre o acceso á rotonda da vía rápida e a rúa Gruncheiras. As canalizacións de abastecemento, que discorren ao longo de ambos os lados do vial, atópanse en bo estado e non requiren intervención.

Ambas fases contan cun orzamento total de 364.193,99 euros e integraranse no plan de investimentos da concesionaria. A duración das obras en cada fase será de 2 meses, e estableceranse desvíos ou itinerarios alternativos para o acceso ás vivendas durante a execución das mesmas.

Na imaxe, a avenida Espírito Santo. Punto GA | M. Riopa

Novas relacioadas