Plan de dixitalización das 32 estacións de bombeo de Cangas

21.12.2023. UTE Gestión Cangas acaba de elaborar e presentar a aprobación un anteproxecto de dixitalización e monitorización que permitirá medir en tempo real o funcionamento e carga das 32 estacións de bombeo no municipio de Cangas. O anteproxecto está conta cun investimento de 566.000 euros, que serán achegados pola compañía e incluídos no plan de investimentos do ciclo da auga de Cangas. O anteproxecto exponse agora ao público para a recepción de alegacións, antes de que poida ser debatido e aprobado polo Concello de Cangas.

O investimento baséase na instalación de detectores e testemuñas en todas as estacións de bombeo de augas residuais que retrasmitirán a súa situación e funcionamento e permitirán anticipar problemas de alivio por mor das augas pluviais, xa que contan cun sistema de información das precipitacións recollidas. O funcionamento de cada estación será seguido desde a sala de control de UTE Gestión Cangas, aínda que tamén permite o acceso restrinxido desde internet. 

A dixitalización substituirá ao actual sistema de medición por boias, que transmiten sinais de nivel e permiten coñecer a saturación de cada estación.

A instalación de sistemas de telecontrol permitirá visualizar ao instante o estado dos bombeos, almacenar un histórico de información e operar de forma remota sobre a propia estación, garantindo unha resposta rápida e eficaz ante calquera problema. 

O proxecto inclúe a renovación das bombas e equipos en mal estado, así como a instalación de instrumentos de medida e control conforme á lexislación actual. Todo o operativo será despregado nun prazo de catro meses, desde a súa aprobación definitiva por parte do Concello de Cangas.

Novas relacioadas