Sara Regueira nova responsable da UTE Xestión Cangas

07.06.2024. Sara Regueira (Vigo, 1992) asume a responsabilidade da UTE Xestión Cangas, relevando a Francisco Comesaña, quen desempeñou o cargo durante 14 anos. Graduada en Enxeñería de Minas e Enerxías con especialización en recursos renovables, combustibles fósiles e explosivos pola Universidade de Vigo, Regueira traballou como xefa de Servizo en Ribadavia (Ourense) e Monterroso (Lugo). Durante a súa traxectoria formativa tamén traballou en Cangas e Moaña ou en localidades como Nigrán e comarca do Louro.

Cal é o proxecto para mellorar o servizo?

Temos un proxecto innovador para modernizar a infraestrutura existente e implementar tecnoloxías de xestión a distancia e monitorización das redes e instalacións. Traballaremos en colaboración co Concello de Cangas para investir na actualización da infraestrutura, reducir as perdas e garantir unha subministración segura, acompañado de campañas educativas sobre o uso responsable da auga.

Vés dun posto de responsabilidade na xestión de augas en Ribadavia e Monterroso, é máis complexo traballar nun municipio con mar?

Cada municipio ten as súas propias peculiaridades. Nos meus anteriores postos, xestionaba integralmente o ciclo da auga, desde a captación, potabilización e distribución ata o saneamento e depuración. Para min, a máxima prioridade é o coidado do medio ambiente e a calidade da auga que subministramos.

Como impacta no servizo o forte aumento de poboación no verán?

Ata o de agora nunca tivemos problemas de abastecemento e non parece que este verán vaiamos ter. Sempre promovemos o aforro e uso racional da auga, non só por escaseza, senón por compromiso ambiental. No verán a demanda e o consumo duplícanse. Pero é no inverno, cando as choivas son intensas, que afrontamos máis problemas debido á falta dunha rede alternativa de pluviais e estacións de bombeo modernas.

Cal é a súa prioridade?

Cumprir co noso contrato concesional ao 100%, atender e coidar aos nosos clientes e manter unha boa relación co concello. O meu primeiro obxectivo é finalizar a renovación das redes en Espírito Santo e divulgar unha campaña para eliminar as infiltracións de augas pluviais na nosa rede de saneamento.

Por que é clave separar pluviais de residuais?

En épocas de choiva, a sobrecarga hidráulica na nosa rede de saneamento aumenta. Esta situación xera inconvenientes na eficiencia do sistema, xa que os colectores non están deseñados para soportar ese aumento no caudal. Propuxemos resolver este problema, comezando polo centro urbano, a zona máis densa e tensionada de Cangas.

Vai reforzar o equipo?

Contamos cun excelente equipo de 12 profesionais, todos eles veciños de Cangas, que reforzamos con contratas de obras e apoios para emerxencias e avarías. Cangas pode sentirse orgullosa do equipo que coida de servirlles a auga.

É un salto cualitativo o novo sistema de control de bombeos e aliviadoiros?

É espectacular, porque non só permítenos ver en tempo real como funciona todo, senón que tamén nos permite anticiparnos #ante calquera inconveniente que poida xurdir.

Como che gustaría mellorar a relación da UTE Xestión Cangas coa comunidade de Cangas?

Con auga, boa auga e un bo servizo. Seguiremos potenciando a atención ao cliente e lanzaremos programas pedagóxicos para valorar a auga, a súa calidade e o coidado ambiental. Traballaremos en colaboración co concello, asociacións de veciños e pescadores para solucionar a problemática das infiltracións de pluviais na nosa rede de saneamento.

Na imaxe, Sara Regueira nas oficinas da UTE Xestión Cangas. FOTO: Punto GA / M. Riopa

Novas relacioadas