UTE Gestión Cangas impulsa 32 medidas para mellorar o ciclo da auga en Cangas

13.11.2019. UTE Gestión Cangas, a empresa que xestiona o sistema de abastecemento e saneamento de auga en Cangas do Morrazo dende 2014, impulsa 32 medidas para optimizar o ciclo da auga no municipio. O plan de investimentos está presupostado en 3,4 millóns de euros. O Concello de Cangas, titular do servizo público, vén de iniciar o trámite para aprobar a instalación dos filtros ultravioletas de desinfección (UV) na depuradora do municipio (Areamilla), o que permitiría á UTE Gestión Cangas investir 0,3 millóns de euros nun novo sistema. A compañía xestora vén presentando medidas de investimento e modernización dende a adxudicación do servizo en 2014, aínda que precisa da aprobación e autorización do Concello de Cangas como titular do servizo para poder realizar as obras.

 

Entre as medidas de modernización do ciclo da auga tamén se atopa a reforma do depósito de Coiro, principal subministrador de auga en Cangas, e un plan de melloras para optimizar a rede e reducir as perdas de auga. Evitar as perdas da rede é un dos novos requerimentos europeos adoptados pola Xunta de Galicia para reducir os consumos nos municipios, polo que o goberno autonómico fixa un prazo de tres anos para que as fugas non sobrepasen a quinta parte do subministro.

 

A compañía xestora da auga iniciou a presentación do paquete de medidas ante o Concello de Cangas no ano 2014. O programa de melloras inclúe tamén a posta a punto do sistema de bombeo de Cangas, con reformas en Massó e no Concello, a mellora do sistema de fecais ou a instalación dun desareador no bombeo da Praia Vilariño para evitar a entrada de areas e outros materiais. O plan de optimización das redes proposto por UTE Gestión Cangas ten como obxecto a mellora do servizo integral da auga no Concello de Cangas.

Novas relacioadas